Carta do Reitor da USC
Coa notable anticipación que esixen os Congresos Internacionais iníciase o proceso de convocatoria pública e inscrición no XIV CIDU que terá lugar na nosa Universidade no mes de xaneiro do 2026.
A reitoría da USC xa manifestou no congreso de Lisboa a súa satisfacción pola elección de Santiago de Compostela como sede do seguinte congreso e o noso apoio institucional para que o evento teña o máximo nivel académico e recoñecemento público. O que nos queda agora é desexar que todo saia ben nos preparativos e que o congreso poida chegar a conclusións e propostas útiles para favorecer a calidade de vida e o benestar nas universidades.
A temática que se vai abordar no XIV CIDU (A universidade como ecosistema saudable: o desafío do benestar) resulta moi importante no contexto das actuais prioridades nas políticas educativas. É unha preocupación coherente cos compromiso asumidos polas universidades en relación á Axenda 2030 e os ODS que alí se especifican. É tamén unha prioridade para a nosa institución que forma parte do grupo de universidades europeas EUNIWELL que busca potenciar “unha conexión equilibrada entre a sociedade, a ciencia e o medio ambiente que conduza a un maior benestar en todas as súas dimensións”. O congreso será, xa que logo, unha importante oportunidade para seguir profundando nese propósito.
Que o congreso vaia celebrarse en Santiago é un motivo máis para invitar os participantes a desfrutar dunha cidade única no mundo polas súas connotacións históricas, relixiosas, culturais, xeográficas. Quedan invitados, tamén, a coñecer máis de preto a nosa universidade centenaria con belísimos edificios, docentes recoñecidos e cun merecido prestixio polo seu traballo tanto académico como de investigación. Non teño dúbidas de que os días que pasen en Santiago se converterán nunha lembranza inesquecible. Cónstame que os organizadores do congreso poñerán todo o seu esforzo e experiencia en intentalo.
Dito todo a anterior só queda invitar a todas as persoas interesadas no tema do benestar nas institucións de Educación Superior a participar no congreso aportando as súas investigacións e experiencias. Serán moi ben recibidos na nosa Universidade e faremos todo o que estea na nosa man para que os seus días en Santiago sexan útiles e satisfactorios.
Un saúdo cordial e ata pronto!